Monday 29 de April de 2024

A Deputación da Coruña súmase ao proxecto interrexional de prevención de incendios forestais GEFRECON


Investirá un total de 116.240 € nesta iniciativa interterritorial, dos que 87.180 € procederán de fondos FEDER e 29.060 € de fondos propios.

A Deputación da Coruña aprobou no pleno do pasado luns sumarse ao proxecto GEFRECON (Xestión Forestal Conxunta para Prevención de Incendios no Territorio), unha iniciativa cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER que busca, xunto con outras dez administracións, empresas e entidades públicas de España e Portugal, reducir o risco de incendios forestais a través de actuacións conxuntas, sensibilización da poboación, información e formación en autoprotección e promoción para a creación de empresas forestais.

O proxecto Gefrecon conta cun orzamento total de 1.000.324,51 €, financiados ao 75% con fondos FEDER a través do programa Interreg-V España-Portugal, dos que 116.240 € serán destinados a actuacións na provincia da Coruña.

Accións que se levarán a cabo

Dentro das principais iniciativas no territorio inclúense a creación de plans conxuntos para previr incendios, que comprenderán a implantación de análises de oferta e demanda da biomasa, promoción de agrupación de propietarios forestais e desenvolvemento de modelos de xestión compartida.

Tamén se levarán a cabo campañas de sensibilización, formación e información para a poboación en xeral e para a creación de empresas forestais. Por último, realizaranse xornadas dirixidas a comunidades rurais, centros escolares e outros actores locais sobre autoprotección ante incendios forestais, no que se informará á poboación xeral e aos actores do territorio.

Territorio no que se realizará o proxecto

O proxecto centrarase nos territorios rurais de baixa densidade de poboación, que teñen un maior risco de sufrir un incendio pola falta de actividade económica, que ocasiona un maior abandono en materia de xestión forestal.

Ademais da provincia da Coruña, o territorio no que se levarán a cabo as accións do programa GEFRECON comprenderá:

– Deputación de Ávila. Comarca de Valle del Tiétar (Ávila) e Comarca de Barco de Ávila (Ávila)

– Montes de Las Navas. Comarca de Pinares (Ávila)

– Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (Portugal). Distrito de Viana do Castelo (inclúe os municipios de Arcos de Valdevez, Caminha, Melgaço, Monção, Paredes de Coura, Ponte da Barca, Ponte de Lima, Valença, Viana do Castelo e Vila Nova de Cerveira)

– Instituto Tecnolóxico de Galicia. Provincia da Coruña

– Centro da Biomasa para a Energia de Portugal (todo o territorio nacional cuberto polo programa POCTEP)

– Agencia Regional doa Energía e Ambiente do Interior (Portugal) nos municipios de Almeida, Belmonte, Celorico da Beira, Covilhã, Figueira de Castelo Rodrigo, Fornos de Algodres, Fundão, Guarda, Gouveia, Manteigas, Meda, Penamacor, Pinhel, Sabugal, Seia e Trancoso.

– Associaçao de Agencias de Energia e Ambiente (todo o territorio nacional de Portugal)

– Ente Público Regional de la Energía de Castilla y León (EREN). A súa actividade desenvolverase en todo o territorio da rexión de Castela e León.

– Fundación Santa María la Real, todo o territorio cuberto polo programa POCTEP.